A Xunta construirá 63 Centros de Saúde nesta lexislatura

09/09/2010
Noticias A Xunta construirá 63 Centros de Saúde nesta lexislatura

O obxectivo de Sanidade é poñer a disposición dos cidadáns infraestruturas modernas, con capacidade de resolución de alto nivel de calidade e no lugar máis próximo ao paciente
A súa edificación dinamizará o contorno económico e social dos concellos onde se constrúan, ao tempo que crearán postos de traballo, algo de especial relevancia nun contexto de grave crise económica e desemprego.

Un dos obxectivos marcados é a consecución destas infraestruturas no menor tempo posible e sen incrementar a débeda pública, como están a facer as demais CCAA e o propio Goberno central.
A meta do Servizo Galego de Saúde é asegurar a sostenibilidade do sistema sanitario público ofrecendo a mellor asistencia sanitaria posible aos cidadáns

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde manteñen a súa aposta decidida pola Atención Primaria, tal e como quedou reflectido nos Orzamentos deste ano 2010 e coas actuacións que se están a desenvolver co obxectivo de aumentar a resolución no primeiro nivel asistencial, porta de entrada dos pacientes ao sistema.

Neste sentido, estanse a realizar reformas e melloras en centros de Atención Primaria da rede do Servizo Galego de Saúde que o precisan e, na actual lexislatura, a Xunta vai construír e poñer en funcionamento 63 novos centros de saúde. Actualmente, estanse a edificar 9 novos centros de saúde, e estanse facendo traballos de reforma e ampliación en 5 máis.

A edificación destes centros, ademais de reforzar o sistema sanitario, dinamizará o contorno económico e social das áreas xeográficas onde se constrúan e das súas áreas, ao tempo que se crearán postos de traballo, algo de especial relevancia nun contexto socioeconómico como o actual.
Modernizando as infraestructuras de primaria a pesar da crise económica actual
Estratexia Sergas 2014
A meta principal do Servizo Galego de Saúde é centrar toda a organización no paciente e na integración e continuidade de coidados, na mellora da capacidade resolutiva, de acceso a probas diagnósticas e na implantación e extensión de novas ferramentas e tecnoloxías que permitan a innovación e mellora da calidade.

Ademais, a Estratexia Sergas 2014 recolle entre os seus obxectivos para a actual lexislatura a modernización das infraestruturas da rede de Atención Primaria para mellorar a asistencia prestada os cidadáns e o contorno de traballo dos profesionais. Así, modernizarase a dotación de tecnoloxía médica e de comunicación nos centros de saúde para incrementar de xeito significativo os seus niveis de resolución e poder achegar a asistencia o máximo posible á poboación.

Neste sentido, dadas as características demográficas da poboación galega ?de claro envellecemento e tendencia crecente de patoloxías crónicas e pluripatoloxías e con núcleos de poboación moi dispersos- dende o Servizo Galego de Saúde búscase poñer a disposición dos cidadáns infraestruturas modernas, con capacidade de resolución de alto nivel de calidade e no lugar máis próximo ao paciente.

Para poder escribir un comentario debe iniciar sesión o darse de alta en el portal.

Patrocinadores Platino